O BNG de Dumbría pide a creación de bolsas de estudo para familias con crianzas en idade escolar

Cedida.

O BNG de Dumbría solicitou ao equipo de goberno municipal que cree unha partida económica destinada a bolsas de estudo que sirvan de axuda a familias do concello que teñan crianzas en idade escolar.

A través dun rogo no pleno da corporación celebrado este xoves 6 de novembro, a formación nacionalista sinalou que agarda a que o executivo local teña en conta a súa petición cando elabore os próximos orzamentos municipais, creando unha partida para axudar ás familias que teñen fillos ou fillas en colexios públicos para axudar a comprar material escolar, informático e outro que se considere necesario para a actividade escolar.

O voceiro do BNG dumbriés, Xaime Trillo, afirmou que “sería importante que se teña en conta a nosa demanda, pois estamos nun momento onde as economías familiares están vendo como suben os prezos, polo que faise necesario que os pais e nais que teñen crianzas poidan ter unha axuda cos gastos que hai que afrontar coa escolarización”.

Preguntas no pleno

Por outra banda, o grupo municipal do BNG interesouse no pleno polo proxecto do goberno para arranxar todo o viario de camiños do monte do concello, e cuestionou “se será posto en marcha axiña ou temos que agardar a que falten seis meses para as eleccións para o goberno sacarlle rédito electoral”.

Alén, o portavoz dos nacionalistas preguntou se o Concello ten pensado volver a colocar unha placa con simboloxía franquista na casa da escola de Bustelo, que agora é o centro social parroquial de Salgueiros, e que foi sacada durante as obras de reforma do inmoble. O voceiro do BNG agarda que se cumpra a lei de memoria democrática e dita placa non sexa reposta.

Xaime Trillo tamén se dirixiu ao alcalde para saber se o goberno local ten informado á veciñanza sobre o impacto que poderían supoñer os últimos parques eólicos que teñen previsto montar no concello, tratándose de muíños con máis de 100 metros de fuste e a menos de mil metros dalgúns núcleos de poboación, “e que evidentemente van cambiar o territorio que é o espazo vital desa veciñanza”.

Por último, o voceiro nacionalista preguntou se o Concello ten pensado facer un acto de homenaxe a Castelao neste ano 2025, tal e como tiña comprometido e tendo en conta que o ano está a piques de rematar. Ademais, interesouse pola situación laboral das traballadoras municipais do Servizo de Axuda no Fogar.

Related posts

O PSdeG esixe unha ‘reforma integral’ do colexio Labarta Pose de Zas

A Asemblea Aberta do Profesorado do IES Eduardo Pondal de Ponteceso súmase aos «martes en loita»

Adxudicado o proxecto para reducir as infiltracións na rede de saneamento da Laracha