Presentaba o BNG este domingo en Laxe a listaxe da candidatura local ás eleccións municipais do vindeiro domingo. Preto de cen persoas asistiron ao acto celebrado nun hotel da vila.
Tomaron a palabra en primeiro lugar Xulia Mira, responsable da agrupación local, e Plácido Vidal, unha das fichaxes máis soadas dos nacionalistas para estes comicios.
Estivo presente tamén o deputado provincial e responsable en Bergantiños da formación, Xosé Regueira, quen aproveitou para criticar as posicións políticas do Partido Popular. Regueira afirmou que Feijóo “só vén a Carballo en representación do Partido Popular, non como Presidente de todos os galegos, para prometer unha circunvalación coa condición de que voten ao seu candidato en Carballo.”
Xosé Regueira pediu o voto en clave nacionalista ademáis para as Eleccións Europeas, alegando que a representante do BNG en Europa, Ana Miranda, “mira polas demandas de todos os galegos indistintamente do que voten” e propuxo máis iniciativas nos últimos anos “que o resto dos europarlamentarios galegos xuntos”.
Pechou o acto o candidato á alcaldía, Xosé Manuel Pose Lema, quen fixo balance do traballo desenvolvido ao longo da última lexislatura dende a concellería que os nacionalistas sostiveron en Laxe, de Comercio, Hostalería e Turismo.
Pose mencionou feitos como o recoñecemento dende a Axencia Galega de Turismo ao programa Reláxese, do que dixo “a directora da Axencia díxome que non existe un programa de desestacionalización turística coma este en ningún outro concello de Galicia”. Tamén mencionou a creación de marcas propias creadas en Laxe na faceta turística, coma a asociación de comerciantes e hostaleiros “Comerlaxe”, da que forman parte 25 establecementos da vila, a marca para a posta en valor dos productos pesqueiros “Con X de Laxe, con X de peixe”, ou a web turismolaxe.gal. Tamén mencionou a promoción turística do concello coa asistencia a diversas feiras.
De cara á próxima lexislatura Pose salientou “a teima polo saneamento, para que a maniobra do Concello sexa infinitamente mellor”, ademáis dunha revalorización interna do Concello para mellorar a eficiencia. Tamén afirmou o seu compromiso para a posta en funcionamento do alcantarillado e o saneamento nas parroquias.
No capítulo social comprometeuse á transformación da Casa do Mar, actualmente pechada, nun centro de atención a persoas maiores, coa colaboración da Deputación da Coruña e o visto bo da Confraría de Pescadores. O edil nacionalista precisou a intención de obter un centro de día para o Concello ¨pero pedimos entrevistas con Feijóo sete veces e non nos atende¨.
Tamén fixo fincapé na sinatura de convenios con asociacións culturais e deportivas do concello, ademáis da potenciación turística como fonte xeradora de riqueza, ou a creación de consellos parroquiais.
Tivo tempo tamén Xosé Manuel Pose para falar do proxecto do porto e a praia, do que dixo ter un compromiso a través dun deputado socialista en Madrid, da Ministra de Sostenibilidade para traballar na procura dunha solución ao problema.
Por último, presentou a lista que o acompañará nas eleccións do vindeiro domingo, da que dixo “somos a mellor candidatura, a candidatura a bater”.