O BNG de Laxe carga contra a xestión do ‘Campo do Escarabajo’ por parte do Goberno local

2 minutes read

Proposta a Pleno para acordar a recuperación posesoria e requirir a retirada do peche do terreo municipal sito en Montillóns, máis coñecido como o «campo do escarabajo». O expediente abriuse como consecuencia do peche da parcela realizado este verán por parte dos colindantes, que levan anos solicitando un deslinde, e que impediron o aparcamento de coches e caravanas nese espazo público. Segundo o BNG, «a actuación do concello exercendo a potestade de defensa dos seus bens foi a esperada pola nosa organización, pero á vista dos documentos que hai no expediente, a actuación do alcalde e do asesor urbanístico foi esperpéntica».

O portavoz nacionalista, Xose Manuel Pose, acudiu hai semanas ao concello a interesarse polo asunto, e tras analizar toda a documentación, comprobou, que despois de realizarse os traballos de peche da parcela o concello iniciou un expediente para recuperar a posesión da parcela ao considerar que as obras se realizaron na propiedade municipal e ademais adverteulles que se executaron sen título habilitante. Pois o sorprendente do asunto é que as obras parece que si tiñan título habilitante no cal se solicitaba pechar toda a finca do escarabajo, e que foi informado favorablemente polo mesmo enxeñeiro técnico industrial, que exerce de asesor técnico urbanístico, e mediante Decreto do propio Alcalde, o Nº 110/2021 de 9 de marzo, no que se declara completa a documentación presentada. Por tanto, o «asesor urbanístico» e o alcalde xa sabían hai tempo que existía unha solicitude para pechar todo o campo do escarabajo, e silenciaron o asunto, calaron a boca, e agora a poucos meses das eleccións, por razóns que deberán explicar, pretenden recuperar a posesión da parcela que deixaron pechar, afirman desde o BNG.

Xosé Manuel Pose considera que se trata dun auténtico despropósito e descoñece totalmente as razóns que existen para chegar a esta situación: «só o alcalde sabe porque actuou así, ou oculta e engana ao pobo de Laxe, ou roza a incompetencia e non se entera de nada, ou está moi mal asesorado, posto que non se pode asinar unha licencia e despois paralizar as obras que acabas de autorizar, e por enriba cala e agocha toda esta trapallada». O portavoz recorda que «está ben que se pretenda recuperar as parcelas que son do concello, e no pleno deste xoves espero que se aprobe o acordo, pero terán tamén que anular a licencia que outorgaron, revocar o que fixeron mal e sobre todo dar moitas explicacións de tanta incompetencia que non merecemos», concluíu.