O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, sufriu un infarto de miocardio o pasado 30 de decembro e leva de baixa médica case tres meses.
Os nacionalistas de Laxe emitiron un comunicado no que lle recriminan que, «os seus problemas de saúde parecen afectarlle únicamente ao seu traballo como alcalde, xa que, tal como pode comprobarse nas actas das sesións, agás ao de este 25 de marzo ao que non asistíu, Pérez Añón non deixou de asistir durante este tempo aos plenos ordinarios do 28 de xaneiro e do 25 de febreiro na Deputación Provincial da Coruña, pero polo Concello de Laxe non aparece».
«Cando tomou posesión como deputado provincial, en setembro do ano pasado, dende o BNG advertiamos de que ese novo cargo restaríalle tempo de dedicación ao Concello, posto que José Luis Pérez Añón segue compatibilizando o cargo de alcalde co seu posto de sanitario no centro de saúde, no que, por certo, tamén está de baixa. O que non podiamos imaxinar era a súa intención de ter dedicación “exclusiva” á Deputación Provincial», afirman dende o BNG local.
«As explicacións que se nos ocorren para esta forma de proceder non deixan ao alcalde en bo lugar: ou ben a súa actividade na Deputación non lle supón risco algún porque o único que fai é pulsar un botón, ou ben lle resulta difícil renunciar as dietas de asistencia do ente provincial (591€ por cada pleno e 370€ por cada comisión informativa) xa que os outros dous salarios (o que percibe como sanitario e os 1.423,39 euros brutos ao mes que ten aprobados como alcalde dende xullo do 2019) sígueos cobrando».
«Dende o BNG queremos lembrarlle a José Luis Pérez Añón que o seu xeito de actuar pode ser legal, e de feito éo, pero dende logo non é ético, e que representa unha falta de respecto absoluto polo pobo de Laxe, ao que lle debe o posto que ocupa tanto no Concello coma na Deputación. Agardamos que a súa saúde siga mellorando como parece que o está facendo, do cal nos alegramos, e que poida retomar canto antes as súas obrigas como máximo representante do noso concello», conclúen os nacionalistas.