O concelleiro e Portavoz Municipal do BNG de Laxe, Xosé Manuel Pose Lema, demandará no seguinte pleno, e sempre en función da dispoñibilidade económica do concello, a elaboración dun plan de axuda ás pequenas e medianas empresas (pemes), comercio, hostalería e autónomos do Concello de Laxe afectados pola crise da pandemia do COVID-19 o máis amplo e consensuado posible. Entre outras, as propostas serán as seguintes:
Paralización do cobro de todos os impostos e taxas durante o estado de alarma aos sectores afectados.
Supresión da taxa pola ocupación do solo público con terrazas de hostalería para todo o ano 2020.
Reestruturación dos orzamentos municipais próximos a aprobar e adicar unha partida á reactivación económica e social.
Reapertura do mercado dos venres na Praza dos Voluntarios con novas normas adaptadas á crise sanitaria provocada polo COVID-19.
Plan de formación adaptado ás novas necesidades do mercado laboral, especialmente no sector turístico.
Impulsar as licitacións de obras pendentes co obxectivo de reactivar o sector da construción.
Elaboración dun Plan de actuación para o acceso e estancia este verán a todas as praias do Concello con novas normas adaptadas á crise sanitaria provocada polo COVID-19.