O BNG de Laxe denuncia de novo o mal estado da escola unitaria de Traba

Despois dun mes do arranque do curso escolar, os nenos e nenas da escola unitaria de Traba, a única que queda no concello de Laxe, seguen a asistir a un espazo no que non se realizaron cambios salientables durante a época estival.

O grupo municipal do BNG, facéndose eco das queixas das familias e docentes da escola, xa sinalou no pleno ordinario de xuño as deficiencias que sufría esta escola en canto a fiestras, teitos e chan, deficiencias que inflúen directamente nas humidades que sofren as paredes interiores do edificio, sobretodo á altura dos e das pequenas que asisten a esta escola. Nese pleno, o goberno municipal, sinalou que estudiaría solventar estes problemas, así como sinalaba a nova cabeza que representaría ao concello no consello escolar de Laxe e serve de enlace entre concello e centros educativos. A veciñanza contaba con que este cambio significaría un novo aire ás relacións, pero nada máis lonxe.

Nos últimos días, despois de caer parte do teito dunha das aulas e observar as humidades das paredes, a única resposta dende o goberno local foi que mirarán se hai cartos para solucionalo. Para Isabel Toja, concelleira do BNG “esta situación é intolerable, non se pode ter a os nenos e nenas de Traba asistindo a escola nestas condicións, nen ofrecer estas respostas ás familias. O goberno municipal ten que encargarse xa dun problema que podía terse solucionado durante o verán cando non hai clases.”

«Dende o grupo municipal do BNG poñemos en coñecemento da veciñanza este problema e instamos ao goberno en que actúe con rapidez e dilixencia para poder ofrecer uns servizos educativos e de calidade a todas as nenas e nenos do noso concello. Un día máis o grupo municipal do BNG de Laxe quere facer tal e como prometeu á veciñanza unha oposición construtiva: rigorosa, esixente e útil, aportando solucións aos problemas, porque así entendemos a política».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha