O grupo municipal do BNG de Laxe afirma que quere sacar á luz as deficiencias e fallos nas obras de adecuación da pista que leva de Campo do Almozarro en Boaño a Arnado. “Pista en estado máis que deficiente durante os últimos anos e que á hora de arranxala, o goberno municipal está a incurrir en numerosas irregularidades”.
Pódense apreciar certas deficiencias a simple vista, que contrastan coa información dispoñible na memoria do proxecto de dita obra, din os nacionalistas.
“Nas inmediacións da zona pódense atopar por moreas os adoquíns retirados da obra do acceso ao cemiterio de Laxe, que xa foron pagados no seu día, e que agora se pagan como novos nesta nova obra.
O concello estalle pagando ao contratista os adoquíns reciclados da obra do acceso ao cemiterio de Laxe a prezo de pedra nova… a 28,87 €/m2 e o proxecto fala de colocación de plancha de pedra en chapeo nas tajeas para drenaxe superficial, ou pedra de morro que é o que especifica a documentación gráfica, espesor <=7 cm. e non os adoquíns retirados da obra de acceso ao cemiterio de Laxe, e adica 5.161,16€ a tal fin”.

“Ademais, a adxudicación ao contratista foi feita en baixa temeraria, xustificada polo servizo técnico sen, ao noso xuízo, criterios coherentes. O informe técnico da xustificación da oferta temeraria non mostra os criterios de adxudicación, na súa valoración só di que visto no expediente, a valoracion da oferta cumpre co pliego, e iso non se acolle á lei, posto que tería que decir o porqué. Gustarianos sinalar de novo que un técnico externo non pode participar na adxudicación de obras municipais”.
O BNG de Laxe exixe unha aclaración do goberno do municipio e de non correxirse todas estas deficiencias elevará unha denuncia formal diante dos organismos competentes.