O BNG de Laxe emitiu un comunicado denunciando o que cualifica de total desgoberno do concello tanto na organización das festas como na programación de verán, o que prexudica o lecer da veciñanza e tamén afecta ao sector do turismo que é clave na economía local, xerando un descontento que os veciños e as veciñas xa fixeron chegar ao grupo municipal do BNG.
Os nacionalistas afirman que no que respecta á programación de verán, «o Goberno do PP presentou un cartel de actividades pobre e escaso, tanto é así que tenta tapar a súa falta de propostas incluíndo na cartelería oficial intentando facelas pasar por propias, actividade que realizan outras entidades ou empresas, como por exemplo os campionatos de salvamento e de surf ou o mercado pirata, para “encher” artificialmente unha programación rotineira».
«A está falta de ambición e de ideas na programación, súmase un horario de utilización do ximnasio municipal claramente insuficiente para as persoas usuarias, horarios moi limitados que contrastan cos que ofrecen os concellos veciños, ao que se engade o feito de que a biblioteca municipal está pechada, sen horario nin servizo algún. Neste momento Laxe ten inutilizada unha das súas principais infraestruturas culturais e de ocio, sen que por parte do Goberno do PP se teña facilitado información algunha sobre cando se vai restablecer o servizo para a veciñanza».
Dende o BNG proseguen indicando que «mención aparte merece a xestión das festas parroquiais de Laxe na que o Goberno do PP roza o ridículo. Despois de semanas de informacións confusas en relación a unha posible contratación dunha empresa privada para organizar as festas, asistimos a unha especie de anuncios e contra anuncios en relación á celebración da Cruz da Rosa o 21 de xullo».
«Tras a difusión en redes sociais da programación para esa festividade por parte dunha empresa, o equipo de goberno procedeu a emitir un desmentido a través das redes sociais do concello, xerando unha situación de caos que mostra claramente o descontrol e a incompetencia política que mostra o Partido Popular, incapaz de presentar unha programación de verán á altura da veciñanza, incapaz de ofrecer un bo servizo a través de equipamentos clave como o ximnasio e a biblioteca e incapaz de organizar as festas patronais», conclúen dende o BNG.