O grupo municipal do BNG, faise eco das protestas veciñais, neste caso do núcleo rural de Coens, onde levan meses denunciando a aparición de dúas cadelas na súa contorna. Foron os propios veciños e veciñas quen se encargaron da súa desparasitación e temen que agora coa chegada do celo a poboación de animais aumente, xerando aínda máis problemas na seguridade vial, coa posibilidade de provocar accidentes, a inseguridade de pasear por camiños ou mesmo, da salubridade e aparicións de máis parásitos ou outras enfermidades contaxiosas para os animais domésticos da veciñanza.
Os nacionalistas afirman que «despois de que o grupo Municipal do BNG de Laxe presentara no anterior pleno ordinario unha moción para que o concello asinara un convenio con XEA (Xestión Ética do Abandono Animal) o goberno municipal, votou retirala do debate pois ao día seguinte tiña concertada unha entrevista con outra entidade para tratar o tema da recollida de animais abandonados. A día de hoxe como todas as veciñas e veciños podemos comprobar, este tema segue se ter unha solución por parte do goberno local, e teñen que ser eles mesmos os que atopen algunha saída cos seus propios medios, realizando colectas e denunciando a situación nas redes sociais».
Por elo, dende o grupo municipal do BNG solicítanlle ao grupo de goberno que cumpra coas demandas da veciñanza e que cumpra coas funcións que lle encomenda a nova Lei de Benestar Animal que non son outras que a obriga de xestionar de xeito inmediato e ético o abandono de animais nas súas rúas e núcleos poblacionais.