O BNG de Laxe esixe unha solución inmediata para garantir o transporte escolar igualitario da mocidade do concello

1 minutes read

O BNG de Laxe vén de remitir un escrito á Dirección Xeral de Mobilidade e ao Servizo de Mobilidade en A Coruña no que reclama, unha vez máis, unha solución efectiva para que os mozos e mozas da parroquia de Traba deste municipio poidan acceder ao transporte escolar en condicións de igualdade. A formación nacionalista lembra que esta situación leva meses afectando ao alumnado de Bacharelato e Formación Profesional, que continúa sen un servizo adaptado ás súas necesidades.

No último pleno municipal, o alcalde afirmou que “non hai solución viable” para este problema, unha postura que o BNG considera inaceptable nun asunto que afecta directamente ao dereito á educación e á igualdade de oportunidades da mocidade de Laxe.

A concelleira Cristina Vázquez sinala que “renunciar a buscar alternativas non é unha opción”. O BNG lembra que existen vías administrativas, organizativas e de coordinación institucional que deben explorarse antes de dar por perdida unha demanda tan básica como garantir que o alumnado poida asistir ás súas clases sen depender de medios propios ou de terceiros.

A formación nacionalista insiste en que non vai renderse: “Imos seguir traballando, insistindo e propoñendo todas as medidas necesarias ata conseguir que os mozos e mozas de Laxe conten cun transporte escolar digno, seguro e igualitario. Non imos aceptar que se lles peche a porta a unha solución simplemente por falta de vontade política”.

O BNG reitera que continuará levando este asunto aos plenos, aos organismos competentes e ás instancias que sexan precisas, porque “a mocidade de Laxe merece un servizo público que garanta o seu dereito a estudar en igualdade de condicións”.