O BNG de Laxe reclama ao concello que dea unha resposta rápida e funcional ao servizo da biblioteca municipal. Servizo, segundo indican os nacionalistas, “leva abandonado xa dende a anterior lexislatura sen ter unha partida orzamentaria propia e mesmo desviando as axudas e subvencións como a de “Ler conta moito” para cubrir a programación cultural en lugar de dinamizar a propia biblioteca, realizando un calendario ficticio de actividades que non se achegan ao que a veciñanza de Laxe merece”. A concelleira Isabel Toja sinala que a deixadez na concellería de cultura é total e máis no que se refire á biblioteca e a animación á lectura: “as axencias de lectura fóronse pechando e ata o punto de lectura do centro de saúde está abandoado e cheo de folletos do COVID”.
Pese a que o equipo de goberno coñecía con antelación, dende o 30 de maio que se autorizou a marcha en comisión de servizos do bibliotecario de Laxe, non se molestaron en solventar esta ausencia nin en elaborar unhas bases para unha futura contratación xa que a día de hoxe non se publicou nada, afirman dende o BNG.
“A biblioteca leva pechada dende o xoves 29 de xuño privando deste servizo á veciñanza xusto na época de preparación da convocatoria extraordinaria da ABAU, na época de vacacións escolares, cando máis turistas hai visitando o concello e precisan dalgún lugar con acceso a internet para solucionar telemáticamente xestións de banca, administrativas, etc”.
O BNG de Laxe quere saber como se vai a solucionar a continuidade deste servizo, que precisa de persoal especializado e con adicación exclusiva, calquer solución interna tería que ser provisional xa que o persoal laboral adscrito á concellería de cultura xa ten tarefas atribuídas abondas de programación e desenvolvemento no periodo estival.
“Por todo isto, no vindeiro e primeiro pleno ordinario do 27 de xullo, interpelamos ao grupo de goberno sobre esta cuestión”, conclúen.