Será no pleno municipal do vindeiro xoves 31 de xullo cando o BNG de Laxe presente unha moción para reclamar ao goberno municipal “que tome medidas para solucionar o lamentable estado actual da lagoa de Traba.
Nunha segunda moción pediralle que defenda o sistema público de atención á dependencia, tendo en conta que un 33% da poboación de Laxe é maior de 65 anos”.
Así, primeira delas é para instar goberno galego a adoptar con urxencia as medidas necesarias para restablecer o réxime hidrolóxico natural do conxunto Lagoa-Dunas de Traba. “Á vista do estado actual da Lagoa de Traba, é urxente e necesaria unha actuación por parte da administración competente, que non é outra que a Xunta de Galiza. O feito de non levar a cabo labores previas de conservación durante anos provocaron a degradación actual deste ecosistema único e a perda constante de biodiversidade. Unha actuación imprescindible que, ao tempo que recupere a lagoa, resolva o grave problema de asolagamentos que sofren as fincas circundantes dos veciños e veciñas, que condiciona, dificulta ou mesmo impide o cultivo e mantemento das mesmas”. O BNG lembrou que “a súa riqueza a nivel ornitolóxico e vexetal é incuestionable, así como o valor patrimonial e a importancia nas actividades socioeconómicas desta parroquia”.
E, a segunda moción, para solicitar a defensa do sistema público de atención á dependencia e a mellora do servizo de axuda no fogar (SAF). “O sistema público de atención á dependencia en Galiza está a sufrir un preocupante proceso de desmantelamento. Lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, a política da Xunta de está centrada nun modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”. O grupo nacionalista fixo así referencia á situación do servizo de axuda no fogar do concello: “Laxe conta con case un millar de persoas con máis de 65 anos, un 33% de toda a poboación, polo que o SAF é esencial para unha parte moi importante da veciñanza, sen esquecer como vimos sinalando en cada pleno que o contrato do Servizo de Axuda a Domicilio (SAF) que leva caducado nada menos que desde 2018.”
Deste xeito, solicitan ao goberno municipal se posicione en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta de Galicia un cambio radical nas súas políticas.