Os nacionalistas mantiveron un encontro co equipo directivo do centro e trasladaron o apoio do BNG ás súas demandas así como o seu compromiso de impulsar a máxima colaboración do concello co centro educativo se acadan responsabilidade de Goberno tras o 28M.
O candidato á Alcaldía, Xosé Manuel Pose, xunto coas candidatas Isabel Toja e Cristina Vázquez, tomaron nota das cuestións que lles trasladou a dirección do CPI, como o deterioro que soporta o edificio de educación secundaria; que mesmo afecta á salubridade e seguridade en recubrimentos, canalizacións e ventás. Igualmente, o instituto leva vinte anos sen pintar, “polo que é urxente pintar as corenta aulas que integran este centro, tanto por hixiene como para ter un espazo educativo en boas condicións para o alumnado”, destacou Vázquez. Outras deficiencias importantes afectan ao equipamento da cociña, os xardíns dos patios carecen do necesario mantemento e urxe dotar ao centro de primaria dun parque infantil para nenos e nenas de entre tres a seis anos, así como de material de descanso e ocio.
O Bloque avanza que tramitará ante a Deputación da Coruña os recursos e investimentos necesarios para mellorar as instalacións do instituto e apoiar as iniciativas do CPI que promoven unha educación inclusiva e de calidade para os nenos e nenas do concello nos que traballan desde hai varios cursos. Tendo en conta que o CPI Cabo da Area vai celebrar o 50 aniversario da súa posta en funcionamento, o BNG propón actividades culturais e de encontro que conecte á veciñanza co centro educativo no que recibiron formación ducias de xeracións de veciños e veciños.