O voceiro do BNG en Laxe, Xosé Manuel Pose, vén de rexistrar unha moción para levar ao vindeiro pleno municipal a problemática dos parques eólicos de Monte Chan e Pena dos Mouros, nos arredores dos Penedos de Traba e Pasarela.
Segundo a agrupación nacionalista a instalación de parques eólicos e a ubicación de tres aeroxeradores na contorna dos Penedos suporía “un dano irreparable para esta paisaxe protexida”. Tamén aseguran que este proxecto implica “vulneracións graves da Directiva Europea relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, impactos ambientais severos, ou o incumprimento da Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade”.
Propostas
O concelleiro do BNG en Laxe levará ao vindeiro pleno propostas como “o rexeitamento da instalación de parques eólicos na Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, defender a integridade paisaxística e esixirlle á Xunta o cumprimento do Decreto polo que se declaran os Penedos Paisaxe Protexida, solicitar informes aos técnicos municipais, e informar negativamente como administración pública dentro dos trámites previos ao estudo de impacto ambiental”.