O BNG de Laxe levou ao Pleno un crítico balance do verán


O Concello de Laxe celebraba esta semana o Pleno Ordinario de setembro. O voceiro municipal do BNG, Xosé Manuel Pose, puxo sobre a mesa unha batería de preguntas para facer un balance da xestión do equipo de goberno durante o pasado verán.

O edil nacionalista criticou duramente a falla de actuacións durante a tempada estival. Pose referiuse a limpeza de lugares concorridos da vila, como a Praia do casco urbán ou a praza Ramón Juega. Tamén fixo referencia a deterioros e abandonos en lugares como os Penedos de Traba, o Castro de Castrelo ou o espazo natural de Traba, do que falou do deterioro da súa sinalización, do balaustre da pasarela ou mesmo da invasión de area na mesma.

Xosé Manuel Pose criticou tamén en materia turística a eliminación do programa de desestacionalización turística ReLáxese, coa consecuente perda de apoios da Deputación, ou o “mal trato dispensado” á productora do programa “Cantas ou non?” da TVG, que finalmente celebrou en Santa Comba unha edición pensada para Laxe.

Noutro eido de cousas o BNG de Laxe referiuse á ausencia de xestións coa Xunta para atender as demandas da ANPA do CPI Cabo da Area e tamén preguntou o motivo polo que se deixaron de facer campañas de apoio ao comercio e á hostalería local.