O BNG participou na concentración convocada por SOS Sanidade Pública ante o centro de saúde de Laxe para, man a man coa veciñanza, defender mellores servizos en atención primaria incluíndo tamén a estabilidade do persoal sanitario.
“Queremos unha atención primaria libre de recortes, porque estamos falando do máis importe: a saúde dos nosos veciños e veciñas, e coa saúde non se xoga”, salientou o candidato a Alcaldía, Xosé Manuel Pose, “por iso reclamamos reforzar o servizo de pediatría, porque non se lle pode pedir á xente moza que aposte por quedarse en municipios do rural e despois non darlle os servizos públicos necesarios para poder desenvolver un proxecto de vida que inclúa formar unha familia se así o desexan”, alegou o candidato á Alcaldía
Outra demanda importante do BNG en atención primaria é acabar coas listas de agarda para ir ao médico ou médica de cabeceira e reclama estabilidade no persoal sanitario. Neste sentido, o candidato do BNG salientou os prexuízos na asistencia que provoca a continua rotación de facultativos. “Non é normal estar cambiando de médico continuamente, porque no noso concello hai moita poboación maior e o cambio constante do seu médico de cabeceira complica o seguimento das persoas doentes”, explicou Pose.
“En definitiva, no BNG de Laxe defendemos unha sanidade pública libre de recortes, como sempre fixemos ao longo destes anos, unha sanidade pública de calidade para todos e todas”, concluíu o cabeza de lista ás eleccións do 28M.
As concentracións convocadas por SOS Sanidade Pública en diferentes concellos ao longo e ancho de Galiza nas últimas semanas son a antesala do debate da iniciativa lexislativa popular (ILP) presentada pola plataforma, unha proposta de lei que chegou ao Parlamento tras recoller 50.000 sinaturas e que será debatida na Cámara galega o vindeiro 9 de maio. O BNG xa avanzou que dará o seu apoio a esta ILP no Parlamento.