O BNG de Laxe vén de rexistrar un escrito no Concello solicitando que se investigue o depósito de escombros e o seu posterior aplanado nunha finca municipal situada en Boaño, nas proximidades do parque infantil.
A formación nacionalista pide que se inspeccione a zona, se identifique a natureza e procedencia dos materiais depositados e se comprobe se a actuación conta coas autorizacións necesarias.
O BNG lembra que a Lei 6/2021, de residuos e solos contaminados de Galicia, considera o recheo unha operación de valorización e establece que só poden empregarse residuos non perigosos aptos para esa finalidade, que substitúan materiais que non sexan residuos e na cantidade estritamente necesaria. (Lex Gal)
«Non se poden depositar escombros privados nunha finca municipal e simplemente estendelos e aplanalos sen comprobar que materiais son, de onde proceden e se poden ser utilizados legalmente como recheo», sinala o grupo municipal.
O BNG lembra ademais que non é a primeira vez que se producen actuacións similares no municipio, xa que anteriormente se realizaron intervencións deste tipo en Espiñaredo.
«O que pedimos é que o Concello comprobe a legalidade da actuación e actúe se existe algunha irregularidade. E máis aínda cando estamos falando dunha finca municipal situada ao lado dun parque infantil».
O BNG agarda agora unha resposta do Goberno municipal ao escrito rexistrado e información sobre as comprobacións que se realicen.
