O Concello de Laxe di que apoia aos percebeiros | O BNG pide que se ratifique ese apoio en Pleno


O Concello de Laxe quere amosar o seu apoio aos percebeiros e percebeiras das confrarías de Laxe e de toda a Costa da Morte que acudiron este venres ata a xefatura comarcal da Consellería do Mar en Ribeira para participar nunha concentración cuxo obxectivo foi reclamar melloras para o sector. Esta manifestación prodúcese tralos últimos anuncios por parte da Consellería do Mar de ampliar entre 20 e 25 quilómetros adicionais a zona de costa para a extracción de mexilla (semente do mexillón e tamén base onde medran os percebes). Desde o Concello agardan que se chegue a un acordo óptimo entre todas as partes afectadas para que os percebeiros e percebeiras poidan seguir traballando e que non se vexa afectado nin o seu sustento nin tampouco a biodiversidade mariña que caracteriza a esta zona.

Pola súa parte, Xosé Manuel Pose Lema, en calidade de concelleiro-portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) adscrito ao grupo mixto no Concello de Laxe, vai presentar este luns, para a súa consideración e debate no vindeiro Pleno Ordinario Municipal da Corporación local, a celebrar o xoves 30 de marzo, unha moción para que a Corporación municipal do Concello de Laxe aprobe por unanimidade manifestar este apoio absoluto ás demandas que expoña o sector percebeiro da vila, diante do conflito da extracción da mexilla.

O goberno  muncipal de Ponteceso tamén participou na manifesatación de Ribeira

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, e a tenente alcalde, Noelia Varela, xunto con outros veciños de Corme e de Ponteceso, acudiron a Ribeira no autobús fletado polo Concello para protestar contra esta “decisión errada da Xunta” de abrir a extracción da mexilla nunha das zonas máis valiosas como é a zona do Roncudo. O alcalde levará o asunto ao vindeiro pleno municipal para  que se reverta esta decisión.