O BNG de Laxe propón destinar os 140.409 euros do novo POS+ ao saneamento de Conlle, Transfontáns e Carrabete

2 minutes read

A concelleira e candidata do BNG á Alcaldía de Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, considera que esta nova achega provincial, procedente dun plan dotado con 25 millóns de euros e que permite financiar tanto gasto corrente como investimentos, representa unha oportunidade para comezar a resolver unha carencia histórica que afecta directamente á calidade de vida da veciñanza.

«É lamentable que, en pleno século XXI, núcleos situados a tan pouca distancia do casco urbano de Laxe sigan sen contar cun servizo tan básico e esencial como o saneamento», manifesta Vázquez.

A candidata nacionalista lembra que esta situación persiste «despois de 20 anos de goberno do PP, 20 anos de gobernos do PSdeG-PSOE e máis de sete anos novamente do PP, sen que os sucesivos gobernos municipais resolvesen esta carencia».

Unha cuestión de prioridades

Cristina Vázquez tamén cuestiona a planificación das actuacións públicas en Conlle, onde a Xunta de Galicia, co visto e prace do Goberno municipal, executou unha senda peonil que atravesa todo o núcleo sen que previamente se resolvese o saneamento.

«Non cuestionamos a utilidade da senda, pero resulta cando menos curioso que se executase antes de dotar a veciñanza dun servizo esencial. É unha cuestión de prioridades e de planificación», sinala a concelleira do BNG.

Vázquez lembra, ademais, que o saneamento destes núcleos xa figuraba entre as actuacións previstas na planificación municipal, polo que «non estamos falando dunha necesidade nova nin descoñecida, senón dun problema que leva demasiados anos esperando unha solución».

Cómpre lembrar que o BNG xa reclamou en anteriores ocasións a dotación de saneamento para estes núcleos, polo que esta proposta non constitúe unha iniciativa nova, senón que dá continuidade a unha reivindicación histórica que segue sen resposta.

Unha proposta concreta para comezar a resolver o problema

O BNG solicita que a totalidade dos 140.409,12 euros se destine ao saneamento dos tres núcleos e que os servizos técnicos municipais determinen as actuacións que poden executarse con este financiamento, establecendo as prioridades e o seu alcance.

«Somos conscientes de que esta cantidade pode non ser suficiente para completar o saneamento dos tres núcleos, pero permitiría avanzar na solución dun problema que non pode continuar adiándose», explica Cristina Vázquez.

Neste sentido, a concelleira e candidata á Alcaldía anuncia un compromiso do BNG: «Se chegamos ao Goberno municipal, comprometémonos a destinar cada ano unha partida dos orzamentos municipais ou dos fondos que recibamos a través do POS+ da Deputación da Coruña, co obxectivo de completar o saneamento dos tres núcleos ao longo dunha lexislatura».

A concelleira e candidata do BNG conclúe cunha reivindicación: «A veciñanza de Conlle, Transfontáns e Carrabete ten dereito a contar cos mesmos servizos básicos que o resto da poboación. O saneamento non pode seguir agardando».