O BNG de Laxe quere solucionar unha das principais preocupacións dos veciños e das veciñas: o estado de sucidade e de abandono no que se atopa o concello, tanto no caso urbano como nas parroquias, provocando un deterioro da imaxe do municipio que a veciñanza non se merece. Cambiar esta situación, explica o candidato a Alcaldía, Xosé Manuel Pose, «será unha das prioridades do Bloque se obtemos o apoio necesario para encabezar o goberno municipal tras o 28 de maio».
«A sucidade e o deterioro do concello é un dos problemas máis sentidos polos veciños e as veciñas e por iso é un asunto prioritario no noso programa de goberno», indicou o candidato, quen explicou as medidas concretas que o BNG presenta para darlle solución a esta situación.
«En primeiro lugar, reforzar o servizo diario de limpeza do concello ao longo de todo o ano; en segundo lugar, compromiso de baldear as rúas cada tres meses para unha limpeza en profundidade do espazo público, tanto no casco urbano como en todas e cada unha das parroquia, porque hai lugares no concello que non viron unha limpeza en profundidade con auga nos últimos catro anos», denunciou Pose e, como terceira medida, «lavado e desinfección mensual dos contedores, para evitar malos olores e por seguridade e hixiene».
O BNG inclúe tamén unha cuarta proposta para manter coidado o concello: a renovación do mobiliario urbano deteriorado, «fundamental para acabar co aspecto de descuido e abandono que mostra o municipio a día de hoxe». «Os veciños e as veciñas de Laxe merecen un municipio limpo e ordenado porque estamos falando da casa común de todos e de todas e porque a imaxe do noso concello e tamén a carta de presentación que ofrecemos a quen nos visita», argumenta o candidato á Alcaldía, que se comprometeu a que «o BNG terá este asunto como prioritario tras o 28M».
Finalmente, outro aspecto que o BNG tamén considera importante para manter un concello ordenado e coidado é manter as beirarrúas, paseo marítimo e camiños do municipio libres de malas herbas e de vexetación incontrolada, en todos os lugares do casco urbanos e das parroquias que sexan competencia do concello.