O BNG de Laxe propón rehabilitar a vella Casa do Mar para un centro social multiusos

O candidato á Alcaldía, Xosé Manuel Pose, e as candidatas Isabel Toja, Elena Cousillas e Emma Paz ante o edificio da vella Casa do Mar de Laxe._Cedida.

Estaría pensado como un lugar de encontro, socialización e ocio da veciñanza, en particular das persoas maiores e da xente moza, que a día de hoxe non teñen un espazo público no que poder reunirse para compartir actividades de todo tipo, de lecer, culturais, sociais, xogos, ou que poida acoller actos que lles interese, afirman dende o BNG.

A candidata número dous Cristina Vázquez del Prisco, explica que a vella Casa do Mar é un edificio de tres plantas en pleno casco urbano, pero sen uso desde fai anos e totalmente desaproveitado, “un edificio que queremos recuperar e poñer ao servizo da veciñanza”. O BNG de Laxe destaca que como centro social multiusos sería un espazo para todo tipo de actividades.

Entre os posibles usos: local de ensaio nun concello onde hai moita xente nova que fai música, lugar para bailes dos maiores que reclaman un espazo no que poder divertirse; igualmente sería un lugar para facilitar o encontro e a socialización da veciñanza,  para xuntarse, falar e compartir ideas e preocupacións; un centro no que organizar xogos, conferencias, exposicións, cursos, etc. “Todo aquilo que poida interesarlle aos nosos veciños e veciñas”, destaca  Cristina Vázquez.

O BNG abordará esta iniciativa coa Confraría, actual propietaria do edificio, toda vez que lles foi cedido polo Instituto Social da Mariña (ISM) despois de que o inmoble perdese o seu uso como casa do mar.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha