Dende o BNG da Laxe afirman que «os recortes en sanidade do Goberno do PP leváronse por diante o transporte público que trasladaba ás mulleres de Laxe a facer as probas de detención precoz do cancro ao hospital, e agora moitas delas teñen que depender de terceiras persoas, xeralmente un familiar, para ir facer as probas, o que fai que algunhas mesmo desistan de facerse ás mamografías».
Ante esta situación, o BNG de Laxe propón que o concello facilite transporte gratuíto para trasladar ás mulleres ao hospital da Coruña ou de Cee cando sexan convocadas para as probas, evitando así que ningunha veciña poida quedarse sen adoptar esa medida de control da súa saúde. Unha proposta que o BNG inclúe no programa electoral de cara as eleccións municipais do 28M, cuxa lista encabeza Xosé Manuel Pose, como candidato á Alcaldía de Laxe.
«Non nos parece xusto que haxa mulleres no noso concello que se queden sen facer esa probas por ter dificultades para desprazarse aos hospitais da Coruña ou de Cee, pensamos que as veciñas de Laxe deben ter os mesmos dereitos sanitarios e as mesmas facilidades que as que viven, por exemplo, na propia Coruña e dispoñen de transporte público para ir ao CHUAC a facer as mamografías», explica Elena Cousillas, candidata do BNG ás eleccións municipais.
«Estamos falando da saúde das persoas, o máis importante, e hai que ter en conta que nun concello como Laxe apenas hai transporte público, por iso esta medida que propoñemos desde o BNG é tan importante para garantir a correcta atención sanitaria de moitas das veciñas deste concello», recalcou Cousillas.
O BNG sigue sumando ao seu programa de goberno medidas de marcado carácter social, pensadas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, como o seu compromiso de poñer en funcionamento o punto de atención á infancia para axudar ás nais a conciliar vida laboral e familiar, outra das medidas que recollen o programa municipal do Bloque. «Queremos un Laxe pensado para as persoas», concluíu Cousillas.