O BNG de Laxe inclúe no seu programa electoral de goberno a elaboración dun plan integral de ordenación do tráfico e de aparcamento para mellorar a mobilidade e a circulación no concello, co obxectivo de acabar cos actuais problemas de saturación de coches, atascos e falta de aparcamento que soporta a veciñanza, sobre todo nos meses de verán a nas fins de semana con afluencia de visitantes.
A proposta do BNG inclúe entre outras medidas reordenar a circulación nas rúas do casco urbano, aparcamentos disuasorios que quiten o exceso de coches do centro, aumentar as prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e espazos de aparcamento específico para motos, bicis, autobuses e caravanas.
“É un dos grandes problemas que ten o noso concello e que sofren directamente os veciños e as veciñas que viven en Laxe todo o ano, pero o PP estivo catro anos mirando para outro lado sen aportar ningunha solución, catro anos perdidos por falta de iniciativa política e por falta de ideas para resolver os problemas que ten o noso concello”, denuncia o candidato do BNG á Alcaldía, Xosé Manuel Pose.
Ordenar o tráfico, a circulación e o estacionamento tamén contribúe a ter un turismo de calidade, explica o candidato á Alcaldía. “Hai que aportar unha solución porque non é de recibo que o casco urbano se converta nunha especie de lugar sen lei co prexuízo que iso provoca sobre todo nos veciños e veciñas pero tamén en quen nos visita”, destacou.
Neste sentido, o BNG propón un plan de tráfico elaborado desde a participación cidadá e en colaboración coa Policía Local, que defina claramente os espazos destinados a aparcamento sinalizando as prazas destinadas a tal efecto como os lugares únicos nos que estacionar. Igualmente, a proposta inclúe aparcamentos disuasorios, sobre todo en época estival, cos espazos ben definidos e sinalizados, de tal xeito que se retiraría a actual sobrecarga de vehículos, “estamos falando de cinco minutos a pé ao centro de Laxe”, indica Pose.
O plan de tráfico inclúe rediseñar o sentido da circulación das rúas no casco urbano para mellorar a tráfico interno de vehículos no concello, previa consulta coa veciñanza caso a caso. Ademais, o BNG entende que hai que regular o tránsito de caravanas, establecendo zonas obrigatoriasde estacionamento de caravanas e autocaravanas, incluíndo servizos esencias como boca de recollida de augas residuais e tomas de carga de auga potable.
Igualmente, o plan de tráfico que o BNG inclúe no seu programa de goberno inclúe zonas de estacionamento específicas para persoas con mobilidade reducida, “porque entendemos que as que existen no centro son insuficientes e deben ampliarse”. Ademais, contempla prazas para motos e bicicletas con anclaxes de seguridade e un estacionamento para autobuses e zonas de carga e descarga.
O plan de tráfico que propón o Bloque inclúe medidas específicos para as festas patronais, consensuadas coa Policía Local e entidades sociais, e tamén cando se celebre un evento cultural ou deportivo que así o requira. En definitiva, explica Pose, “no BNG temos propostas para darlle solucións a un problema que afecta de cheo á veciñanza para mellorar a súa calidade de vida e conseguir un Laxe que funcione”.