O BNG de Laxe vén de rexistrar unha solicitude dirixida á Área de Vías e Obras da Deputación Provincial da Coruña para reclamar actuacións que melloren a seguridade viaria e a calidade de vida da veciñanza dos núcleos da Torre e de Coéns, ambos atravesados pola estrada provincial DP-4001 (Laxe–Fornelos).
A formación nacionalista considera prioritario que a Deputación inicie os traballos para facer realidade unha variante ou circunvalación que permita sacar o tráfico de paso do centro da Torre, un núcleo onde as vivendas se atopan practicamente a pé de estrada e no que o aumento continuado da circulación, especialmente de vehículos pesados, incrementou notablemente os riscos para a veciñanza.
No escrito presentado, o BNG solicita que os servizos técnicos da Deputación elaboren un estudo de viabilidade que analice as distintas alternativas posibles e que, unha vez definida a opción máis axeitada, se redacte o correspondente proxecto para incorporalo á planificación de investimentos do organismo provincial.
A iniciativa inclúe tamén peticións para o núcleo de Coéns, onde se demanda a adopción de medidas que permitan reducir a velocidade dos vehículos ao seu paso polo lugar, así como o arranxo e acondicionamento da marquesiña da parada de autobús, atendendo ás demandas trasladadas pola propia veciñanza.
A portavoz do BNG de Laxe e candidata á Alcaldía, Cristina Vázquez, afirma que «a Deputación non pode seguir mirando para outro lado ante unha situación que leva anos preocupando á veciñanza».
«Na Torre estamos diante dun problema de seguridade viaria evidente. Hai vivendas pegadas á estrada, tránsito peonil diario e un volume de tráfico cada vez maior. Non é razoable seguir adiando unha solución estrutural cando está en xogo a seguridade das persoas.»
Vázquez subliña que a construción dunha variante «non é un capricho, senón unha actuación de planificación necesaria para compatibilizar a mobilidade coa protección dun núcleo habitado».
«As estradas provinciais teñen que cumprir a súa función, pero nunca poden facelo á costa da seguridade e da calidade de vida da veciñanza. A Deputación ten competencias e tamén a responsabilidade de planificar actuacións que dean resposta a esta realidade.»
En relación con Coéns, a portavoz nacionalista considera que existen actuacións que poden executarse nun prazo curto.
«Reducir a velocidade dos vehículos ao seu paso polo núcleo e reparar a marquesiña da parada do autobús son medidas sinxelas, asumibles e moi demandadas pola veciñanza. Son pequenas actuacións que teñen un impacto directo na seguridade e no día a día das persoas.»
Para o BNG, esta iniciativa forma parte do compromiso da organización coa mellora das infraestruturas locais e coa defensa dos núcleos rurais do concello.
«Os veciños e veciñas do rural teñen dereito ás mesmas condicións de seguridade e aos mesmos servizos ca calquera outra persoa. Seguiremos levando ás administracións as demandas da veciñanza e esixindo que se convertan en actuacións concretas.»
Coa presentación desta solicitude, o BNG de Laxe agarda que a Deputación da Coruña abra canto antes un proceso de diálogo co Concello e coa veciñanza afectada para avanzar nunha solución consensuada que mellore a seguridade viaria e a habitabilidade destes dous núcleos do municipio.