O BNG de Laxe reclama ao Goberno unha solución á acumulación de area no paseo marítimo

Praia de Laxe

  • Os nacionalistas sinalan que esta situación afecta a veciños e comercios

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, rexistrou no Congreso unha nova pregunta destinada ao Goberno central relativa á acumulación de area en Laxe, unha situación que o portavoz do BNG da localidade, Xosé Manuel Pose Lema, di que carrexa problemas tanto aos veciños como á economía laxense en xeral xa que «sen dúbida ningunha, a praia e o turismo son os motores económicos do noso concello».

A formación nacionalista explica que, debido á alteración nas correntes mariñas e dos cambios nas dinámicas mareais tras distintas construcións autorizadas na zona de dominio público marítimo, produciuse «nas últimas décadas unha profunda transformación da praia de Laxe cuxos cambios inciden directamente no areal acumulando grandes cantidades de area que chega mesmo a ocupar o paseo marítimo e afecta á rede de saneamento de auga e redes de sumidoiros», provocando ademais graves inundacións na zona.

Outro dos recursos afectados na vila é o propio porto que, debido á «acumulación de sedimentos consecuencia das obras e o paso do tempo, así como a intensidade da ondada desta zona costeira, impiden que se poida utilizar como porto refuxio nesta zona da Costa da Morte».

O BNG pregúntase se o Goberno coñece a situación que está acontecendo en Laxe, e se é «consciente de que estas alteracións supoñen un grave prexuízo». Ademais, destacan que a praia se atopa «na zona de dominio público marítimo», polo que lle corresponde a Demarcación de Costas estudar a situación e buscar unha solución.