O BNG de Laxe reclama medidas de seguridade fronte aos roubos no cemiterio

2 minutes read

O Grupo Municipal do BNG de Laxe rexistrou no Concello un escrito no que solicita actuacións ante os roubos producidos no cemiterio, que afectaron a elementos ornamentais de sepulturas e panteóns e provocaron preocupación e perdas económicas entre as familias afectadas.

O BNG lembra que o cemiterio de Laxe conta con dúas partes diferenciadas, unha de titularidade municipal e outra dependente do Arcebispado de Santiago de Compostela, polo que considera necesario que ambas as entidades asuman as responsabilidades que lles corresponden e colaboren na procura de solucións.

A formación nacionalista sinala que a Ordenanza municipal nº 28 establece que os elementos ornamentais pertencen ás persoas concesionarias e que o Concello non responde dos roubos. Porén, lembra que esta disposición non exclúe a posible responsabilidade patrimonial da Administración cando concorran os requisitos legalmente establecidos.

Entre as medidas solicitadas, o BNG propón revisar as condicións de seguridade de todo o cemiterio, adoptar actuacións preventivas e estudar a contratación dunha póliza de seguro que cubra roubos e danos nas sepulturas e panteóns, tanto na parte municipal como na eclesiástica, mediante os correspondentes acordos co Arcebispado e determinando os custos que corresponderían a cada entidade.

O escrito tamén reclama que o Concello facilite información e orientación ás familias afectadas sobre os procedementos para denunciar os feitos e reclamar os danos sufridos cando legalmente corresponda.

Para o BNG, corresponde ao Goberno municipal tomar a iniciativa, tanto no ámbito das súas competencias directas como na interlocución co Arcebispado, procurando unha resposta coordinada que abranga todo o recinto.

«Estamos falando de roubos nun lugar especialmente sensible para as familias. Non abonda con lamentar o sucedido: cómpre estudar medidas concretas para evitar que volva acontecer e ofrecer maior protección e tranquilidade á veciñanza», sinala o Grupo Municipal do BNG.

Finalmente, a formación solicita que o Goberno local informe á Corporación das actuacións realizadas, das xestións efectuadas co Arcebispado e das medidas que prevé implantar.

O BNG achega aos medios de comunicación copia do escrito presentado no rexistro municipal, no que se recollen detalladamente os fundamentos legais e as cinco solicitudes formuladas ao Goberno local.