O BNG de Laxe recolle as denuncias das deficiencias da fosa séptica do CPI Cabo da Area

3 minutes read

O BNG de Laxe recolle as denuncias que lle fan chegar as familias  en relación ao mal funcionamento da fosa séptica do centro escolar CPI Cabo da Area, o que provoca unha situación de insalubridade e de risco sanitario que afecta directamente á seguridade e ao benestar dos nenos e das nenas, posto que esa instalación está no patio de recreo onde xoga o alumnado de primaria e, polo tanto, escolares de curta idade.

Segundo a información trasladada, cando a fosa séptica se enche verte o seu contido directamente sobre a area do patio a través dun tubo situado a rás de solo que actúa a modo de desagüe, provocando os consecuentes cheiros e verquidos de augas residuais. A situación, que se repite cada ano,  é tal que mesmo ten provocado que os escolares se manchen xogando, recollendo a pelota etc, posto que os verquidos da fosa van directos ao patio do recreo e mesmo chega a desbordar as arquetas que están situadas diante do comedor.

O BNG de Laxe entende que esta situación é intolerable en calquera caso, pero máis tratándose dun centro educativo con escolares de curta idade, e demostra unha total falta de planificación e de abandono por parte do Goberno local do PP. Falta de planificación por parte do concello que debería levar un control para proceder ao baleirado da fosa séptica en tempo e forma e non como leva anos pasando que só actua cando xa a instalación está ateigada de lixo e rebosa coas consecuencias que denuncian as nais.

E tamén unha actitude de total abandono desa infraestrutura por parte do concello o que explica que, pasados os anos, siga a ras de chan un tubo que permite os verquidos das augas residuais da fosa cando esta se enche, vulnerando a normativa en vigor é poñendo en perigo a seguridade dos nenos e das nenas.

Finalmente, as nais tamén denuncian que non é a primeira vez que, unha vez detectado o verquido, o concello proceda a facer o baleirado en horario lectivo, con todo o que iso implica para o conxunto da comunidade educativa.

Para evitar que se repita esta situación, en canto se constitúa a nova corporación, o BNG vai levar este asunto ao pleno do concello para buscar unha solución definitiva e que nunca máis os nenos e as nenas teñan que soportar unha situación inadmisible que mesmo pon en risco a súa saúde. Reclamará ademais, que se revise a situación das fosas sépticas dos centros educativos de Laxe, que se corrixan todas as deficiencias e que se estableza un calendario de control e baleirado das fosas.

Igualmente, o BNG de Laxe tamén levará o problema ao Parlamento galego para que a Consellería de Educación explique como é posible que se dea esta situación en pleno século XXI, na que un centro educativo aínda non dispón de rede de saneamento.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?