O BNG de Malpica analizará este sábado o pacto de goberno local

Goberno tripartito de Malpica tras o pleno de investidura en 2019.

O responsable local do BNG de Malpica, Miguel Varela Varela, emitiu un comunicado no que informa que unha vez rematado o primeiro ano de pacto de goberno entre o BNG, PSOE e Alfredo Cañizo no Concello de Malpica, a Asemblea Local do BNG analizará e reflexionará sobre a experiencia de goberno, e sobre a perspectiva a tres anos vista do proxecto político para o municipio.

Segundo Varela, “o Bloque Nacionalista Galego de Malpica decidiu no seu momento, darlle unha oportunidade ao cambio político, por considerar que o concello se atopaba inmerso nun proceso de paralización social e política, e que se precisaban novas fórmulas, e mesmo novos rostros, para mudar a tendencia. Consideramos naquel momento que o proxecto político co que nos presentamos ás eleccións, aínda que non ía poderse aplicar na súa totalidade, podía contribuír a facilitar ese cambio de modelo.

Polo tanto, toca agora, analizar en que medida se está podendo executar o proxecto político do BNG para o Concello de Malpica, cal é o nivel de coordinación das forzas que compoñen o goberno local e, sobre todo, se o acordo de goberno se vai poder materializar nos resto do mandato, transformando o noso concello nun espazo de máis benestar e máis oportunidades para a nosa veciñanza.

A Asemblea Local do BNG, que se celebrará este sábado, enfrontará esta análise co desexo de acertar nas cuestións que consideramos de vital importancia para o futuro das nosas xentes, máis aínda nun momento onde a COVID19 está xerando unha grande incerteza, e mesmo máis pobreza e desigualdade”, sentenciou.