Desde o BNG de Malpica de Bergantiños queren dar resposta ao comunicado emitido o pasado día 20 de xuño polo concello de Malpica a través das redes sociais.
Comunicado emitido na páxina de Facebook do Concello de Malpica:
Don Alfredo Cañizo Garrido, 1º tenente do Alcalde e concelleiro de Turismo, Festexos e Servizos do Concello de Malpica, a raíz dos comentarios que circulan polas redes sociais por mor da celebración das Festas de San Adrián celebradas esta fin de semana, quere facer as matizacións ou aclaracións seguintes:
1º- A Comisión de Festas de Malpica – “ACD Mallas de Area” é a que vén xestionando as festas da vila de Malpica nestes últimos anos, coa colaboración do Concello unicamente económica, non participamos na organización nin desenvolvemento das mesmas. É dicir, eles baixo o seu libre criterio e albedrío contratan orquestras, grupos, gaiteiros, etc., de forma reiterada, sen consulta ningunha co Concello.
2º.- O concelleiro que subscribe o presente escrito colabora no seguinte:
o Contratación de Policía Local de concellos limítrofes
o Vallado de zona portuaria
o Protección Civil
o Solicitude de autorización a Portos e pago das correspondentes taxas.
o Pago de colocación de carpa.
o Instalacións eléctricas e alumeados precisos e solicitados pola asociación.
o Infraestruturas precisas (caballetes, taboleiros, contedores , etc).
o Contratación do Servizo de Ambulancia.
o Colocación do palco.
o Servizo de limpeza extraordinario.
o Permítese a colocación da barra na rúa principal, a pesar de non ser do agrado de todos os hostaleiros.
3º.- A Comisión de Festas, nestas últimas, solicitoume a colocación de haimas, concretamente dez. Á vista do prognóstico do tempo, por parte deste concelleiro advertíuselles que debían colocar unha carpa coma sempre e non as haimas sendo a resposta: “Queremos innovar”. Ao que se accede a pesar de que o custo das haimas ( 2.600+ IVE) é superior ao da carpa (2.400 + IVE) e non se tiña o mesmo servizo.
Por todo o exposto, quero deixar claro que as decisións e actuacións realizadas nas festas de Malpica son tomadas de forma unilateral por parte dos membros da Comisión, que ao Concello unicamente se dirixen para que se presten as colaboracións e servizos indicados, asumindo todos os custos o propio Concello.
Así mesmo, dende a miña concellería, nesta nova lexislatura que iniciamos, vou levar a cabo as xestións precisas para recuperar as festas que se facían de forma tradicional e co consenso de asociacións, hostaleiros e o propio criterio do Concello, que considero que é o que se debe facer.
Dende aquí quero facer un chamamento a que por parte da Comisión de Festas se asuma a responsabilidade das decisións adoptadas e non facer coma sempre, agachar a cabeza e difundir sempre o rumor de: “A culpa é de Cañizo” que neste caso non tomou ningunha decisión, simplemente o Concello colabora e cumpre no que lle solicitan.
Dende o BNG manifestan o seguinte:
“O noso apoio incondicional a todas as asociacións culturais, veciñais e deportivas sen ánimo de lucro, que traballan desinteresadamente para a veciñanza e a nosa condena e repulsa ante o ataque institucional por parte do concelleiro Don Alfredo Cañizo Garrido á comisión de festas ACD Mallas de Area, feito que consideramos desproporcionado, completaménte inxusto e fora de lugar”.
“Ataque que se produce en base a comentarios e rumores que circulan nas redes sociais, como se recoñece no propio comunicado, e non en feitos contrastados. Tamén queremos recordar que chove sobre mollado, non sendo a primeira vez que se ataca e entorpece a labor de distintas asociacións por parte de este concelleiro.
Os únicos responsables de esta situación son o Partido Popular e o Alcalde Don Eduardo J. Parga Veiga, pola súa inacción e incapacidade política, xa que este, como máximo responsable do Concello de Malpica, non debería permitir este tipo de actitudes por parte dun concelleiro do seu grupo de goberno. Polo tanto desde o BNG de Malpica demandámoslle ao señor Alcalde, Don Eduardo J. Parga Veiga, o cese inmediato do concelleiro Don Alfredo Cañizo Garrido.
Recordámoslle ao Partido Popular que en ningún momento, desde as eleccións do 28 de maio, se puxo en contacto co BNG de Malpica para buscar vías alternativas de goberno ou para (polo menos) coñecer a nosa postura de cara a investidura, e que nin sequera se plantexou gobernar en minoría tendo a representación suficiente para facelo, polo tanto o Partido Popular é o único culpable da situación política que está a vivir o Concello de Malpica co pacto de goberno entre o PP e Don Alfredo Cañizo Garrido”.
Miguel Ángel Varela Varela
Responsable Local e Voceiro do BNG de Malpica