Miguel Varela, concelleiro do BNG de Malpica emitiu un comunicado este mércores coa postura da formación nacionalista en relación á polémica suscitada polo mural realizado por Yoseba Muruzábal.
«O BNG de Malpica lamenta profundamente a polémica xurdida arredor do magnífico mural que vén de pintar na vila o artista Yoseba Muruzábal, porque nin o autor da creación artística nin o motivo que elixiu son merecedores de crítica, senón todo o contrario. Como membros do goberno municipal, a concelleira e o concelleiro que representamos ao BNG no Concello de Malpica lamentamos tamén que o alcalde tome decisións en solitario, xa que en ningún momento se nos informou sobre o proxecto para a praza, e consideramos inadmisible que un cargo político acepte un clarísimo ataque á figura dun símbolo de Galiza e de todas as galegas e galegos coma Castelao».
A desaparición da figura de Castelao da pintura non só é un agravio a un político, escritor e pintor que mesmo dá nome ás persoas e feitos que son obxecto de distinción e recoñecemento por parte da Xunta; senón que constitúe un acto de censura artística que dende o BNG non podemos admitir nin consentir, afirman desde o BNG. Por iso, o grupo municipal convocará de inmediato unha reunión do goberno para coñecer os motivos desa postura adoptada unilateralmente e pedir que se restitúa o deseño orixinal do mural.
Dende o BNG de Malpica consideran que o goberno municipal non debe nin pode ceder ás presións particulares, e moito menos amparalas, e instan ao alcalde socialista a respectar a liberdade artística, que, como recoñece a Unesco, “é a liberdade de imaxinar, crear e distribuír expresións culturais diversas sen censura gubernamental, interferencia política ou presións de actores non estatais”.