O BNG de Muxía pide varias melloras viarias a incluir no Plan de Obras e Servizos

3 minutes read

O BNG de Muxía vén de realizar varias propostas a ter en conta á hora de elaborar o plan de actuacións do POS 2026, logo de que a portavoz dos nacionalistas, Mercé Barrientos, mantivese un encontro co alcalde Xavier Sar.

A formación nacionalista sinalou que no 2025 incluírase no POS un primeiro tramo da estrada que une a AC440 con Agranzón, e agora solicitaron que se arranxe a parte que vai de Agranzón a Senande, coa inclusión do vial a Agrodosío, practicamente desfeito. Esta vía, que comunica a parroquia de San Martiño coas de Vilastose, Traxufre e Coucieiro, ten un tráfico intenso e precisa dunha reparación urxente. Indicou, ademais, que a obra foilles reclamada pola veciñanza e sería de gran utilidade.

Na reunión de Barrientos co alcalde concordaron tamén en que as estradas de titularidade municipal de Muxía precisan de actuacións urxentes tras anos de abandono. Lembrou Mercé Barrientos que xa se aprobou a inclusión de diversas obras de mantemento das vías municipais no POS Adicional-4 de 2025, aprobado en novembro. “Sen embargo, dado o estado das cunetas e gabias, atascadas pola broza e os restos de polas, e a climatoloxía deste inverno, as vías están cheas de balsas de auga que provocan un rápido e importante deterioro do firme e resultan perigosas para os vehículos e tamén para os viandantes”, subliñou a portavoz do BNG, que engadiu que “é imperativo afrontar canto antes un plan de rebacheo, roza das cunetas e limpeza de conducións, tubos e sumidoiros que garanta a conservación e seguridade nas estradas municipais”.

Mercé Barrientos aproveitou para reclamar de novo que se liciten e acometan canto antes proxectos aprobados en pleno e que levan xa mais dun ano sen ser executados, como o pintado de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. A voceira nacionalista lembroulle ao alcalde que sería conveniente incluír na sinalización horizontal os pasos de peóns, as zonas de estacionamento reservado para usuarios das farmacias, e prazas de carga e descarga que faciliten os traballos de aprovisionamento do comercio local.

Así mesmo, a concelleira comentou no encontro co rexedor “a necesidade de que se acometan dunha vez proxectos fundamentais como a dotación de auga potable nas parroquias nas que non se dispón dela; a instalación e reparación de depuradoras que eviten a contaminación medioambiental de contornas privilexiadas, como a do río Castro ou as praias do concello”. Sobre estas últimas lembrou que “é urxente a reparación de accesos e equipamentos; a Barreira de Leis, Lago, Area Maior ou Borreiros levan abandonadas anos e anos”, e instou ao goberno municipal a obter financiación para afrontar estes proxectos.

Segundo explicou Mercé Barrientos, as necesidades do concello “son moitas máis e moi diversas”, e citou como exemplos o arranxo da vía de Cibrán a Suxo, “arruinada por completo”; a instalación de saneamento nas parroquias nas que non existe;  ou a pavimentación de núcleos que levan anos abandonados. Instou ao alcalde a levar adiante inversións financeiramente sostibles canto antes, comprometendo o voto do BNG para atender as necesidades da veciñanza.