Os nacionalistas presentaron o pasado 4 de decembro unha moción urxindo ao concello a preservar os fondos de Ramón Caamaño.
O concello de Muxía ten unha enorme riqueza cultural que inclúe os fondos fotográficos do fotógrafo Ramón Caamaño, veciño ilustre que da nome ao IES do pobo. Este patrimonio, que permanece almacenado na casa familiar, constitúe un arquivo da memoria visual do noso concello e mesmo do país e ten un valor artístico e de memoria social incuestionable. Del fíxose eco o Parador Costa da Morte, no que se expón unha pequena parte da súa obra.
Parte do patrimonio fotográfico (negativos e cámaras) está catalogado grazas ao traballo paciente de Chete, xenro de Caamaño. O resto segue agardando a que se leve adiante unha iniciativa de recuperación e conservación que, por agora, segue recaendo na familia. O arquivo segue na casa familiar, fóra do circuíto cultural, e resiste sen apoio público algún. Co paso dos anos, o risco de deterioro e perda dos fondos medra, pois o tempo e a humidade son un risco para a súa conservación.
Na actualidade a preservación dos fondos de Caamaño está pendente de que se implementen medidas e se leven adiante iniciativas para a catalogación, dixitalización e musealización. “O feito de non acometer medidas para a protección deste patrimonio pode rematar alonxando os fondos de Muxía, o que suporía unha perda incalculable que non deberiamos permitir” explica a portavoz municipal, “polo que desde o BNG solicitamos xa a pasada semana mediante a presentación dunha moción plenaria que o concello adopte os seguintes acordos”:
- Levar a cabo, á maior brevidade, xestións coa familia de Ramón Caamaño e cos departamentos de patrimonio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galiza co obxecto de garantir a conservación dos fondos fotográficos.
- Acollerse ás liñas de subvención de patrimonio da Deputación da Coruña para garantir a conservación dos fondos e evitar o seu deterioro e perda irreversible, .
- Que se promova a declaración do Fondo Fotográfico Ramón Caamaño como Ben de Interese Cultural.
- Contemplar a curto prazo a obtenciónón de recursos estruturais e económicos para a musealización do patrimonio de Caamaño e a súa integración no circuíto cultural.