O BNG de Muxía urxe ao goberno municipal a arranxar a marquesiña de Lourido

2 minutes read

O BNG afirma que esta marquesiña leva tempo deteriorada e cos vidros rompidos sen que se actúe para reparala. Esta situación fai que a veciñanza usuaria do transporte, en moitos casos alumnado dos centros de ensino, non podía resgardarse da chuvia.

A formación nacionalista solicitou que se actuara hai meses e de varias formas: a través da sede telemática, en conversas co executivo municipal, e nos rogos e preguntas dos plenos. “Mais, a pesar de recibir continuamente a resposta de que os vidros estaban encargados, o tempo pasa e o arranxo non se fixo, malia que o curso escolar comeza este mércores 9 de setembro”. Así mesmo, o BNG salientou que “a marquesiña de Lourido, de xeito paradoxal, está situada xusto fronte a unha das infraestruturas máis luxosas do noso concello, o Parador Costa da Morte”.

Os nacionalistas sinalaron que “somos conscientes de que esta semana é o comezo das festas da Barca e o goberno municipal estará atarefado, mais tamén sabe que este problema lle foi trasladado numerosas veces e con tempo abondo para que puideran telo solucionado no verán, antes do inicio do curso”.

A portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, afirmou que “non podemos acreditar que o equipo de goberno deixe esta situación sen arranxar e que os nosos nenos e nenas teñan que permanecer á intemperie cando se podía ter actuado con previsión”.

A voceira nacionalista subliñou que “mañá pode chover e o alumnado de Muxía seguirá a descuberto por un único motivo: a falta de dilixencia e atención para con eles do goberno municipal”.

O BNG lembrou que xa en 2024 reclamara ao goberno municipal, daquela presidido por Santiago Toba, que arranxase as marquesiñas arruinadas de varios lugares, e conseguiron que se procedera á substitución dos equipamentos deteriorados, dos que se prometera a reparación en 2022.