O BNG de Ponteceso abstívose na aprobación do POS por adicar a metade a gasto corrente en lugar de a obras

Fátima Rodríguez Gonzálvez.

No pleno celebrado este mércores en Ponteceso, o BNG abstívose sobre o uso dos preto de 497.000€ de financiamento municipal asignados pola Deputación da Coruña a través do Plan de Obras e Servizos e votou a favor da proposta de uso dos case 48.000€ do POS social para reforzo do SAF (Servizo de Axuda no Fogar).

A maiores da falla de diálogo e consenso que o BNG considera impropia dun goberno que pretenda ser plural e de todas e todos os veciños de Ponteceso. No BNG non está dacordo co destino de máis de 200.000€ (os do POS+ 2024) a gasto corrente.

Con eses 200.000€ entende o grupo nacionalista que poderían abordarse algunha das obras que reclamaron no pleno: o arranxo do camiño que vai desde a Praza da Bugalleira ata Rieiro e Vilasuso, na parroquia e Tallo; ou o arranxo do camiño do barrio San Antonio na parroquia de Xornes.

No BNG tamén teñen reservas das intencións do goberno municipal de adicar futuras achegas complementarias do POS+ a gasto corrente, como se deduce de que só se inclúa unha obra (Abastecemento en Guxín) por valor de 138.000€ na biblioteca para achegas complementarias. Habitualmente as achegas complementarias igualan ou as veces superan á achega inicial.

“Noutro pleno, hai un par de meses, xa explicamos que a cidadanía de Ponteceso entende que o POS+ debe adicarse a obras e que no pleno de Ponteceso case houbo unha guerra no pasado por querer adicar o POS+ a gasto corrente, polo que non estamos dacordo con este uso” explicou a voceira do BNG, Fátima Rodríguez Gonzálvez.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha