O BNG de Ponteceso denuncia que o alcalde ‘usa o orzamento municipal para chantaxear á veciñanza’

Cedida.

  • Fátima Rodríguez Gonzálvez lamenta que a esperpéntica situación da corporación municipal prive á cidadanía dos investimentos que precisa.

Este luns volvemos a asistir a un pleno esperpéntico no que se demostrou unha vez máis que os enfrontamentos persoais e o personalismo están por riba de todo. Pero máis alá do espectáculo lamentable, segundo o BNG, na sesión quedou que manifesto unha moi preocupante realidade: non hai interese por parte do goberno local en que o Concello de Ponteceso teña uns orzamentos axustados á realidade económica actual e ás necesidades da veciñanza.

A candidata á alcaldía de Ponteceso polo BNG, Fátima Rodríguez Gonzálvez, afirma que ‘o Concello de Ponteceso funciona, case podería dicirse que por decantación, co orzamento do ano 2020. Un orzamento que, polo tanto, non poido ter en conta as necesidades especiais de gastos derivados da pandemia, nin as subas dos subministros básicos como a luz e os carburantes que vimos tendo durante 2021 e 2022, nin o encarecemento dos materiais de obra… Que o orzamento vixente estea confeccionado en base a previsións de 2019 é, en definitiva, unha situación que no BNG nos resulta moi preocupante e nos leva a entender que o Concello de Ponteceso pode estar preto dunha situación practicamente ruinosa’.

Tendo en conta esta situación, resulta aínda máis preocupante escoitar no pleno que o Goberno non tivo intención en ningún momento de explorar vías de diálogo coa oposición para tentar sacar uns novos orzamentos anuais adiante que tiveran en conta a realidade da situación que atravesamos; mais ao contrario puidemos escoitar como a cidadanía foi chantaxeada cun “volverá haber orzamentos cando volva ter maioría suficiente”, nun vergoñento alarde de autoritarismo absolutamente antidemocrático por parte do alcalde.

O do luns foi un pleno case baleiro de contido. Por faltar, faltou ata moción ou resolución institucional contra a violencia de xénero. Aínda que tres días antes todas as forzas políticas representadas na corporación acudiron na praza do Recheo á concentración convocada desde o movemento feminista, ningunha delas foi quen de presentar unha moción para promover a concienciación e sensibilización sobre esta grave problemática, demostrando unha falta absoluta de coherencia.

‘Desde o BNG entendemos que nin quen protagoniza estas broncas sesións plenarias nin quen foi responsable de que cheguemos a esta situación van ser quen de resolvela nin devolver a cordialidade secuestrada. É necesario rematar con esta polarización que xurde da corporación e contaxia ao día a día do pobo e as relacións entre a veciñanza, como se vivísemos nos límites dunha sorte de burato negro que remata por absorber todo o que se lle achega e o contamina con ese comportamento. Temos o convencemento de que é necesario transformar Ponteceso, empezando por outra forma de facer política, para poñer a defensa do territorio e das persoas no centro dos intereses do Goberno municipal, para acadar unha nova Ponteceso’, concluíu Fátima Rodríguez.