O BNG de Ponteceso presentou dúas mocións para evitar o peche de aulas no IES Eduardo Pondal

2 minutes read

As mocións levadas ao último Pleno esixen ás autoridades educativas que para o vindeiro curso se impartan e non queden pechadas a liña de FP Básica de Servizos Administrativos e a de Educación Secundaria para Adultos.

No caso da FP Básica de Servizos Administrativos, xa tiña alumnado matriculado cando se comunicou por parte da inspección educativa o peche da liña, aludindo a que non se cubría o cupo mínimo de matrículas, 6 no canto de 8 que esixe o regulamento.

Desde o BNG enténdese que estes cupos mínimos non teñe sentido que se apliquen con idéntica esixencia nos centros radicados nas cidades que no rural, toda vez que a propia Consellería de Educación viña aplicando ata o de agora criterios de flexibilidade ao respecto.

Dende o BNG entenden que se trata dun recorte de servizos públicos no rural que alimenta unha outra vez o círculo pernicioso de deixar sen servizo por falta de poboación, o que supón seguir perdendo poboación, e que non están dispostas/os a permitir.

E a este respecto adoptáronse por unanimidade do pleno do Concello de Ponteceso varios acordos:

  • Elevar á Xunta de Galiza, á Consellería de Educación e á Inspección Educativa o presente acordo e esixir:
    • a marcha atrás na cancelación da liña de FP básica de Servizos Administrativos para o curso 23/24, toda vez que o número de solicitudes é suficiente aplicando o criterio de “flexibilidade” que debe aplicarse aos centro radicados no rural,
    • que se permita impartir a liña de ESA o vindeiro curso coas 10 matrículas previstas aplicando o criterio de “flexibilidade” que debe aplicarse aos centros radicados no rural,                           
    • que se dote ao IES Eduardo Pondal de Ponteceso dos recursos humanos e medios materiais precisos para poder impartir estes estudos que teñen asignados na súa carteira formativa.
                            
  • Trasladar á Valedora do Pobo este acordo para que interceda entre o centro de ensino e as autoridades educativas a prol de amparar ás persoas afectadas por esta decisión da inspección educativa e que pon en risco o seu aproveitamento académico, o seu futuro laboral e a súa integración na sociedade.
               
  • Pedir o compromiso dos grupos políticos municipais con representación na cámara autonómica, que den traslado deste acordo aos seus respectivos grupos parlamentares para a súa defensa no Parlamento Galego.