O depósito de residuos sitúase no exterior do local en que adestra o equipo de taekowndo e se imparten aulas de música que xa denunciaran polo seu mal estado. «Estas instalacións son un exemplo do desastre da xestión municipal, tanto dentro como fóra», sinala o portavoz nacionalista, Juan David Sixto, quen ademais lamenta que o alcalde «só respondera á denuncia con enfado e non fixera nada para que o equipo local de taekwondo non teña que seguir adestrando con tatamis mollados e con auga caendo por todo o espazo».
A realidade evidencia a inxente cantidade de lixo acumulado no exterior dunhas instalacións que tan só hai quince días foron obxecto doutra denuncia por parte do BNG local que presentou unha iniciativa para que o goberno municipal actuara de maneira urxente para solucionar o «penoso estado» en que se atopaba a nave e os materiais interiores.
«Alertamos da irresponsabilidade que supón manter así as instalacións sen executar ningunha actuación de mellora e agora temos que engadir que o goberno municipal non só non fixo nada senón que é tamén responsábel do estercoleiro que acumularon no exterior», sinala Juan David Sixto que lamenta que sexa o propio concello quen dá tan mal exemplo ao non depositar o lixo no lugar que lle corresponde senón á beira dunhas instalacións públicas municipais.