O BNG de Vigo acusa a Caballero de vandalizar a ‘Fiestra á Liberdade’

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno municipal de Abel Caballero volveu «vandalizar» o monumento «Fiestra á liberdade», instalado no Calvario en homenaxe á resistencia antifranquista, utilizándoo nesta ocasión como poste de amarre dunha carpa do Concello na que se repartían macetas con camelios.

O concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou o que calificou de novo desprezo cara a unha peza escultórica que marca un lugar de memoria en homenaxe de «todas as persoas que deron a súa vida en defensa da liberdade», nun emprazamento no que en xullo de 1936 se ergueran barricadas populares para frear o golpe fascista.

É a segunda vez en poucos meses que se utiliza esta peza escultórica de Francisco Pazos, xa que durante o pasado Nadal se colocaran ao seu carón atraccións de feira.

«O alcalde que mantén en pé a cruz franquista do Castro e que completou o skyline fascista da cidade coa instalación do Sagrado Corazón na ermida da Guía, volve demostrar o seu profundo desprezo contra a memoria histórica e democrática da cidade, reducindo este monumento no Calvario a un poste», reprochou Igrexas.

O candidato nacionalista lembrou que foi precisamente por impulso do BNG desde o Goberno municipal que se dignificou este «lugar de memoria», co monolito inaugurado en marzo de 2011, despois de retirar o escudo franquista da Casa das Artes ou de incluír no rueiro da cidade o nome de represaliadas e resitentes contra a ditadura franquista.

«O desprezo pola memoria histórica é un insulto a todas as e os demócratas. E especialmente inaceptábel e ofensivo cando provén dun alcalde que se afirma progresista e que reivindica ter sido exiliado polo franquismo», remachou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha