O Bloque Nacionalista Galego de Vigo aposta pola recuperación integral da praia de Samil e a rexeneración do seu sistema dunar. A fronte nacionalista vén de presentar a súa alternativa ao proxecto do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) que insiste no modelo «errado e ambientalmente depredador» que se perpetrou coa construción do actual paseo nos anos 70.
«Se o Goberno español non rectifica este proxecto estaremos diante dunha grande oportunidade perdida para recuperarmos de verdade o areal de Samil e restituír os seus enormes valores ambientais», valorou en rolda de prensa o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
O edil nacionalista criticou que a actuación proposta polo MITECO se limite a 250 metros (da punta de Samil até a antiga concesión do Camaleón) dos case 2 quilómetros de praia, recuando apenas 25 metros o paseo e instalando un novo muro de formigón. Cuestionou tamén que o proxecto non conte cunha proxección de conxunto e cunha perspectiva de longo prazo, ademais de carecer dunha avaliación ambiental «consistente» que teña en conta estudos científicos académicos recentes sobre a propia dinámica da praia.