O BNG de Vigo completa a súa candidatura

// Foto J. Santome

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de completar a súa candidatura para as vindeiras municipais. Unha lista “comprometida” co feminismo, o ecoloxismo e a cultura, así como a defensa das clases populares traballadoras e dos servizos públicos. A fronte nacionalista concorre ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio cunha lista paritaria, con perfís diversos e persoas referentes nos barrios e parroquias e nos movementos sociais. “Unha candidatura tan plural como é Vigo e que definiría en tres palabras: entusiasmo, compromiso e enerxía para resetear en positivo a cidade”, valorou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas puxo en valor que esta lista renovada demostra o carácter “aberto e positivo” do proxecto do Bloque en Vigo, con 27 postos titulares e 9 suplencias entre as que destacou a incorporación de persoas independentes como Ramón Nicolás e Vítor Vaqueiro, dous grandes referentes culturais da cidade. A lista fecharaa, no posto 27, Olaia Fernández Davila, exconcelleira, deputada no Parlamento galego e portavoz no Congreso, unha “referente do nacionalismo en Vigo, orgullosa viguesa e un motivo de orgullo para todas as mulleres e homes que facemos parte do BNG”, conclúe Igrexas.