O BNG de Vigo comprométese a potenciar os deportes náuticos na cidade

1 minutes read

O concelleiro e candidato á alcaldía de Vigo do BNG, Xabier P. Igrexas, destaca o «enorme potencial que Vigo ten no ámbito dos deportes náuticos onde existe unha grande tradición». Un potencial que Igrexas queren desenvolver en moita maior medida co obxectivo, afirma, de «posicionar Vigo como unha referencia a nivel galego e internacional nas diferentes modalidades dos deportes no mar».

A principal liña de actuación que propón a fronte nacionalista pasa por promover a práctica dos deportes náuticos achegándoos ao conxunto da poboación. «A práctica deportiva no mar é unha tradición popular, que nada ten a ver caricatura de deporte de elites ou de minorías, pero o repto é volver aproximalos á maioría social», explica Igrexas.

Nese sentido, defenden a posta en marcha de programas escolares e de primeira experiencia e o reforzo das modalidades náuticas nas escolas deportivas municipais. Pero tamén a creación dun programa «Deportes H2O», que se desenvolva nos meses de verán en formato campus con actividades que dean a coñecer as diferentes modalidades de deporte náutico ao conxunto da cidadanía, así como a realización de máis eventos e competicións en Vigo.