O BNG de Vigo critica o anuncio dun crédito extraordinario para obras


O Bloque Nacionalista Galego critica o anuncio do alcalde de Vigo, Abel Caballero, dun crédito extraordinario de 25 millóns de euros. Desde a fronte nacionalista consideran unha «tomadura de pelo» esta decisión do Goberno municipal cando dos 120 millóns comprometidos para investimentos apenas estaban executados unha décima parte a metade de ano.

«Un 90% de fraude e de fume que constatan unha estratexia de promesas reiteradas de obras que nunca se chegan a facer», censurou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que este anuncio «oportunista» do rexedor insista en «enterrar» decenas de millóns de euros en gastos inaugurábeis en lugar de destinar máis recursos fronte ao agravamento da crise na cidade.

Igrexas cualificou de “frivolidade” este novo anuncio de investimentos mentres milleiros de fogares en Vigo teñen graves dificultades para afrontar os gastos básicos. Por ese motivo, chamou priorizar o uso do diñeiro público para atender as «necesidades reais» das viguesas e vigueses que, a xuízo do Bloque, non pasan por «grandes obras que poida inaugurar o candidato Abel Caballero» a poucos meses das vindeiras eleccións municipais, concluíu.