O BNG de Vigo cualifica de “fake” o goberno local por deixar sen gastar 120 M€ dos orzamentos

Xabier Perez Igrexas - BNG Vigo.

O Bloque Nacionalista Galego critica a incapacidade do goberno de Abel Caballero por deixar sen gastar 120 millóns de euros dos presupostos de Vigo para o ano 2021. A fronte nacionalista volve denunciar a baixa execución orzamentaria do Goberno local do PSOE, a quen cualificou de “Goberno fake” por anunciar e prometer investimentos que non realiza nun grave contexto de emerxencia social, laboral e produtiva na cidade.

“A conta xeral do ano 2021 é un retrato incontestábel do seu Goberno fake, que malia ter unha maioría absolutísima é reiteradamente incapaz de executar o seu propio orzamento”, afeou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante a sesión do Pleno municipal celebrada este mércores.

Igrexas apuntou que esta baixa execución do orzamento non se pode considerar como “aforro”, como defende o Goberno municipal. Por contra, o edil nacionalista sinalou que é unha evidencia de como se seguen a “desatender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses” e “cronificar o abandono dos nosos barrios e parroquias”.


Entre as partidas con baixa execución, o concelleiro do Bloque destacou o capítulo de investimentos en obras, dos que só se levaron a cabo ou comprometeron o 36% dos previstos nas contas municipais. Lamentou tamén que o Goberno local deixara sen gastar 365 mil euros de axudas sociais o pasado exercicio e que non se despregara unha soa política en favor do emprego.