O Bloque Nacionalista Galego urxe unha ofensiva do Concello de Vigo para frear os proxectos de eólica mariña, Volanteiro e Celta II, ás portas da ría. A fronte nacionalista demanda ao goberno de Abel Caballero que exerza todas as accións institucionais, administrativas e mesmo xudiciais para evitar a instalación deste gran polígono a 50 quilómetros das Illas Cíes, despois de que este martes fora aprobada a súa inclusión nos planos de ordenación do espazo marítimo (POEM).
“Esta decisión do Goberno español supón dar carta branca a trasladar ao noso litoral o boom eólico que xa está a depredar o noso territorio”, cuestionou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que advertiu do “grave risco para a conservación do ecosistema mariño” e “a ameaza para unha actividade estratéxica como a pesca” que representan estes proxectos impulsados por Capital Energy e Ferrovial.