O BNG de Vigo demanda medidas urxentes para evitar o colapso sanitario da área


O Bloque Nacionalista Galego demanda medidas urxentes para evitar o colapso da área sanitaria de Vigo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou como as políticas de recortes e privatización aplicadas na última década pola Xunta do Partido Popular converteron a área viguesa na “zona cero” da desfeita sanitaria. Unha realidade que exemplificou na imposición dun modelo privatizado no novo hospital Álvaro Cunqueiro, o recorte das prestacións no Hospital do Meixoeiro, a redución á metade do proxecto de novo centro de saúde de Bouzas, unha grave e estrutural falla de medios humanos no conxunto da Atención Primaria, así como os efectos dun concerto especial con Povisa que impón unha sanidade desigual e precaria para unha parte importante da poboación da área de Vigo.

Esta situación veuse agravada polos efectos derivados da pandemia de coronavirus que, segundo o edil nacionalista, “fixeron saltar as costuras dunha rede sanitaria enfraquecida até o extremo, agravando inda máis se cabe, as súas insuficiencias, cun gravísimo impacto tanto na poboación, que padece a desatención e unha merma da calidade asistencial, como dos e das profesionais sanitarias, que son obxecto dunhas condicións laborais insoportábeis e unha crecente precariedade”.

Igrexas alertou do “risco máis que real de colapso da Atención Primaria” na que os centros de saúde da área de Vigo contan con apenas o 50% do seu persoal médico, rexistrándose demoras dunha media de quince días para unha cita, e co conxunto do persoal sanitario, técnico e administrativo dos centros de saúde, ao límite da súas forzas.

Desde o BNG denuncian, ademais, que a non substitución de persoal por vacacións e mesmo por situacións de incapacidade temporal, é xestionada polo Sergas derivando a atención ao resto do persoal do mesmo centro ou trasladando pacientes duns centros de saúde a outros, nun proceso que se traduce nunha sobrecarga permanente, que se agravou durante o verán pola falla de reforzos.