O BNG de Vigo denuncia a talla “motoserra en man” dunha árbore para o paso dun camión


O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar publicamente a talla dunha árbore na rúa do Carme por parte de operarios dunha empresa de transporte para facilitar o paso dun camión de grandes dimensións ao pavillón municipal. A árbore tallada quedou tirada dentro das instalacións exteriores do propio pavillón.

O feito tivo lugar na mañá do pasado venres, cando diante das dificultades para manobrar o vehículo marcha atrás e introducilo no Pavillón, operarios descenderon do mesmo para retirar “motoserra en man” unha das árbores instaladas na rúa do Carme. Diante desta situación a veciñanza presente demandou explicacións aos responsábeis da talla que foron respondidas con ameazas de agresión cara a un dos veciños.

O BNG ten constancia de que a Policía Local ten coñecemento deste suceso, que cualifican de “inaudito”, xa que dous axentes se personaron no lugar. É por iso, que o concelleiro do  BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, vai dirixirse ás concellarías de Deportes e de Seguridade para demandar explicacións exhaustivas do acontecido e para demandar que se emprendan as accións precisas para depurar responsabilidades.

“É escandaloso o tratamento que se lle dá, día si e día tamén, ao arboredo da nosa cidade. Un arboricidio permanente onde se trata as árbores como simples obstáculos, como elementos de quitar e poñer, e onde temos que presenciar escenas tan dantescas como a vivida na rúa do Carme”, valorou Igrexas.

Arbol eliminado.