O Bloque Nacionalista Galego denuncia demoras «intolerábeis» de até tres e catro semanas para ser atendido nos servizos sociais do Concello de Vigo. A fronte nacionalista reclama reforzos urxentes do Goberno municipal nesta materia diante do agravamento da emerxencia social na cidade, derivada da escalada de prezos, e reitera a petición de incrementar os recursos neste departamento ante a insuficiencia de medios que padece desde hai anos.
«Estas demoras son absolutamente inadmisíbeis nunha cidade con máis de 60 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza, con máis da metade dos fogares de Vigo atravesando serias dificultades para chegar a fin de mes e con máis de 20 mil persoas desempregadas», criticou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.