O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir a Xunta de Galicia a exercer as súas competencias e actuar perante a «gravísima crise do sector naval» en Vigo. As nacionalistas afean que o executivo de Feijóo se limite a facer propaganda co albergue de peregrinos mentras Vulcano e Barreras «afunden».
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa en Vigo destruíronse 5.700 empregos industriais no último ano, e que neste sector hai a día de hoxe 7.000 traballadoras/es que na altura do 2009. «Vigo atravesamos unha clara situación de emerxencia produtiva e laboral, agudizada por unha gravísima crise industrial, con actividades estratéxicas como o sector naval nun punto límite», advertiu.
Igrexas criticou a continuada inacción do Goberno galego perante o momento crítico que atravesan os estaleiros Vulcano e Barreras. «Desde o BNG pregúntamonos onde está a Xunta de Feijóo, onde está o conselleiro Francisco Conde, onde a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias?» inquiriu.
«Queremos que o Goberno galego explique ás viguesas e vigueses que accións e xestións concretas teñen feito até o momento e que van facer para evitar a desaparición definitiva do antigo Vulcano e de Barreras. Ou van seguir limitándose a presentar unha e mil veces o albergue para peregrinos? Esa é a súa política industrial?», reclamou o edil nacionalista.
A fronte nacionalista interpelará o Goberno galego, na Comisión de Industria do Parlamento, a través dunha batería de preguntas da deputada, Carmela González, a respeito da situación que atravesa Barreras.
«Deixar caer Barreras e enterrar Vulcano pode ser o golpe definitivo para o naval vigués. Nin a cidade, nin a comarca, nin o País podemos permitirnos ese luxo», advirte Pérez Igrexas, que insiste en reclamar unha «intervención pública directa» para garantir a continuidade da actividade e do emprego.