O Bloque Nacionalista Galego insta ao Goberno municipal e á Xunta de Galiza a tomar medidas para poñer fin ao acoso inmobiliario da Sareb contra seis familias da rúa Privada Moderna. A fronte nacionalista vén de trasladar varias iniciativas no Concello de Vigo e no Parlamento galego, que se suman ás rexistradas no Congreso, para demandar unha solución urxente fronte as presións do chamado ‘banco malo’, participado de forma maioritaria polo Estado, contra estas veciñas e veciños do Calvario.
“A Sareb estáse a comportar como o peor dos fondos voitre, negándose a acometer os arranxos necesarios nos inmóbeis para provocar un escenario de ruína que permita expulsalos das súas vivendas”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que mantivo este martes xunto á deputada nacionalista no Parlamento galego, Alexandra Fernández, un encontro coa veciñanza afectada.