O BNG de Vigo elixe a Carmela González como nova responsábel local


O Bloque Nacionalista Galego vén de nomear a deputada no Parlamento galego, Carmela González, como a súa nova responsábel local en Vigo. A fronte nacionalista celebrou esta semana a Asemblea Local para renovar os seus organismos na cidade, un encontro no que González, que sucede a Serafín Otero no cargo, resultou elixida por unanimidade entre a militancia.

“Asumimos o reto de seguir alargando a base social do BNG, o reto de achegar o proxecto político da nosa organización e conseguir que nas próximas eleccións municipais de 2023 vexamos reflectido ese traballo en número de votos e nunha maior representación no Concello de Vigo”, salientou González, que encabezou a única candidatura presentada para renovar o Consello local.

A nova responsábel da fronte nacionalista en Vigo fixou como obxectivo reforzar o contacto a pé de rúa coa veciñanza e os movementos sociais para escoitar as súas demandas e trasladar as propostas do BNG. “Nin Abel Caballero nin Alberto Núñez Feixóo atenden as necesidades da nosa cidade, nós temos que ser a alternativa a ese abandono”, afirmou González, que destacou nese sentido o “gran traballo” que está a desenvolver o portavoz municipal e concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.

González dixo que o Consello Local elixido arranca este novo período con “moita ilusión e co convencemento de que estamos no camiño correcto para seguir medrando” e resaltou “o traballo de toda a militancia e das persoas simpatizantes, porque a forza do BNG está na implicación e no traballo de todas as persoas que formamos parte desta organización”.

A tamén deputada no Parlamento galego puxo en valor a cohesión interna da fronte nacionalista en Vigo. “Hoxe somos unha organización local máis unida, máis forte, e cun BNG preparado para ser a alternativa política e de goberno tanto na cidade como no País”, asegurou durante o acto de presentación do organismo local, que incorpora novas caras e estará encabezado por dúas mulleres, con Ana Martínez como Vicerresponsábel Local.

Aliás, González expresou o seu “profundo recoñecemento e agradecemento” polo traballo realizado até o momento por Serafín Otero á fronte da organización local do Bloque. “Serafín foi unha peza fundamental para lograr resistir en tempos moi difíciles, para remontalos con forza e para estarnos hoxe en condicións de presentar o BNG como a verdadeira alternativa política en Vigo”, afirmou.

Composición do novo Consello Local do BNG de Vigo

1. Carmela González Iglesias (Responsábel Local)

2. Ana Martínez Piñeiro (Vicerresponsábel Local)

3. Xabier Pérez Igrexas

4. Manuel Caride Correa

5. Adrían Rodríguez Bravo

6. Serafín Otero Fernández

7. Belén García Suárez

8. Patricia Maquieira Gómez

9. Nuno Galán Alves

10. Henrique Vieitez Alonso

11. Raquel Pérez Fernández

12. Olaia Fernández Davila

13. Félix Caride Correa

14. Xerome Calero Prado

15. Xosé Antonio González Azpeitia

16. Borxa González Castro

17. Lidia Fariña Piñeiro

18. Maribel Tato Sánchez

19. Xosé Manuel Atanes Limia

20. Xoán Carlos Rodríguez Vila

21. Beatriz Caamaño Rascado

22. Eduardo Ruanova Davila

23. Segundo González González

24. Luisa María Baños González

25. Lois Pérez Castrillo

  • A maiores incorporarase a/o representante de Galiza Nova, organización xuvenil do BNG.